Alt

Miguel Ángel Martínez Quintanar e Abraham Pérez pechan Lugopoética 2025

O xoves 18 de decembro celebrouse na sede da UNED en Lugo a sexta e derradeira sesión de LUGOPOÉTICA 2025, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebrou este ano a súa segunda edición.

Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, leron e comentaron os seus poemas os creadores Miguel Ángel Martínez Quintanar e Abraham Pérez. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.

Miguel Ángel Martínez Quintanar. Santiago, 1968: Realizou estudos de Filosofía, licenciándose en 1991 e doutorándose en 2007, na Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1997 é profesor de ensino secundario e catedrático de ensino secundario desde 2022. Na actualidade tamén é profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela, e membro do Comité de Ética Asistencial do Hospital Universitario Lucus Augusti. Colabora con artigos de temática filosófica en diversas publicacións.

Abraham Pérez. Lugo, 1990: É licenciado e mestre en Filosofía pola USC, e formouse tamén como guionista. Autor de narrativa, ensaio, diario e poesía, publicou obras como “A vida a arder”, “Gaivotas manchadas de petróleo”, “O paso en falso”, “Sacho de seda” e varios libros de poemas premiados, entre eles “Unha teoría para os espectros” e “Fragmento/Creba”. Obtivo recoñecementos como o Accésit do Certame Francisco Añón, foi residente artístico en Mariñán e na Illa de San Simón, e gañou o VIII Certame de Poesía Torre de Caldaloba con “Chernóbil revival”. Parte da súa obra está traducida a varias linguas. Realizou intervencións artísticas que combinan filosofía, literatura e arte conceptual, colaborou con diferentes medios e revistas culturais, participa en antoloxías e forma parte do grupo poético Lupercais. 

O encontro poético entre os dous creadores, de máis de hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos escritores, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta segunda experiencia de expresión poética interxeneracional.

Vídeo íntegro deste sexto encontro